Sunday 28 de April de 2024

O verán pobrense contará con viaxes en veleiro pola ría da Arousa


A Pobra engade outra actividade relativa ao turismo náutico á súa programación para o verán deste 2021. Ofréceselles así, un ano máis, a veciñanza e visitantes a oportunidade de navega-la ría da Arousa a bordo do Mascato. Unha serie de viaxes en veleiro impulsadas pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal que presentan unha maneira alternativa de coñece-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico costeiro. Así o desvelaron a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ángeles Tubío; e Fernando Redondo, en representación da empresa Arousa Náutica.

A edil destacou que se aposta por unha oferta turística “de calidade” e fixo referencia a que, cos datos de anos anteriores, esta proposta “ten moita aceptación.” Doutra banda, Fernando Redondo animou á xente a que experimente a sensación da navegación a vela.

As excursións terán lugar nos sábados e domingos dos próximos dous meses: os días 17, 18, 24, 25 e 31 de xullo; e 1, 7, 8, 14, 15, 21 e 22 de agosto. A duración do traxecto é de hora e media e as saídas establécense en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas. O prezo estipúlase en 15 euros para as persoas adultas e 10 euros para nenos e nenas menores de 12 anos, ofrecendo un desconto para as familias. Cómpre indicar que as travesías transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

A cabida máxima do veleiro é de 10 persoas, razón pola cal é preciso formaliza-la reserva e compra previa do tícket no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835. Tamén hai a disposición a páxina web www.apobra.gal/turismo para máis información.